* Este texto foi o resultado dun delirio a catro mans entre dous tolos. O intento de condensar aquelo que xamáis poderá ser contido, pois o 15M que pode ser definido non é 15M. Sirva coma homenaxe ó nomadismo, á migración, ó movemeto. Sirva como un chamamento á revolta global. Global Riot!
INFINITO MENTRES DURA:
HETEROTOPÍAS DO DESEXO E POLÍTICAS CORPORAIS
I- INTRODUCIÓN
Caían sobre as carpas as últimas horas da tarde e, nas luces da primavera coruñesa, a carón do Obelisco e ante os ollos da asemblea e o corpo en construción da acampada, un rapaz, calquera rapaz, trepaba polo impoñente edificio do Banco Santander e, baixo aplausos colectivos, renomeaba un espazo, un mundo. Incorporada á escena e inscrita nunha placa, a praza 15 de maio nacía deste xeito nunha nova paisaxe topográfica, nun novo horizonte de cartografías morais e territorios vitais.
Coma un eco contaxioso, viral e resoante, repetido mais diferenciado, os aplausos batían na praza de Catalunya, onde os “indignados” convertían as palabras en caixas de ferramentas e os corpos en plataformas de expresión e comunicación, rexións carnais e simbólicas que redefinían cos seus xestos as fronteiras das políticas. Alí, entre a multitude, Eduardo Galeano discutía con varios xoves e, tratando de definir se cadra o indefinible, botando man da poética afectiva coa que tece o seu falar, dicía que o 15M era coma o amor, “infinito mentres dura”*. Un amor que se vive intensamente, coma se cada día fose o último, coma se na paixón dos corpos que se funden o tempo deixara de medirse con calendarios e se medise de súpeto cos ritmos da carne e o latexar dos peitos entregados. A poesía, fronte á historia, deixa un espazo ó non acabado, un espazo aberto ó imaxinario. A poesía é movemento, e o 15 M non pretende ser outra cousa.
As heterotopías definidas por Foucault poden entenderse coma utopías localizadas, isto é, “espazos absolutamente outros, lugares opostos a tódolos demais e que dalgún xeito están destinados a borralos, compensalos, neutralizalos ou purificalos. Son, en certa maneira, contra-espazos” (2010: 20). Neste texto propoñemos pensar a Acampada Coruña coma un heterotopo, coma un lugar de in-versións, un intersticio produtor de desexos. Falar de “heterotopías do desexo” levaranos a falar do corpo coma un lugar de apertura, un limiar no cal se poñen en marcha políticas afectivas e de proximidade. Os corpos, individuais e colectivos, deveñen catalizadores da política. A carón do Obelisco e ante os ollos da asemblea, a placa instalada simbolizaba eses outros lugares, lugares do anonimato, lugares do instituínte. Nas últimas horas da tarde, a praza 15 de maio convertíase no ágora da cidadanía.